viernes, 25 de agosto de 2017

Rexistro Pazo Meirás

A XUNTA DE GALICIA  DÁ A RAZÓN AO CONCELLO DE SADA E INSCRIBE NO REXISTRO DA PROPIEDADE  A DECLARACIÓN BIC DO PAZO DE MEIRÁS

Sada a 25 de agosto de 2017

Dando comprimento ao solicitado polo Concello de Sada no mes de maio, a Directora xeral de Patrimonio Cultural Xunta de Galicia remitiu un escrito o pasado 3 de xullo de 2017 ao Rexistro da Propiedade de Betanzos, no que se solicita a inscrición gratuíta da declaración BIC do Pazo de Meirás. Tal solicitude xa figura  expresamente na información rexistral pública de dita finca.

O pasado día 23 de maio de 2017, o Concello de Sada remitiu unha carta asinada polo Alcalde, Benito Portela, á Xunta de Galicia  na que puña de manifesto que a declaración BIC do Pazo de Meirás non constaba inscrita rexistralmente no Rexistro da Propiedade tal e como establece o artigo 21.2 da Lei 5/2006 de Patrimonio de Galicia e instaba á Xunta á que procedese de inmediato a dita inscrición.

Asemade o Grupo Parlamentar de EnMarea tiña presentado o pasado 30 de maio unha proposición non de lei, na que pedía que o Parlamento de Galicia instara ao Goberno galego a proceder de xeito inmediato á inscrición da declaración de ben de interese cultural das Torres de Meirás no Rexistro da Propiedade. Tal iniciativa fora aprobada por unanimidade na Comisión do Parlamento celebrada o pasado 6 de xullo de 2017.

O Concello de Sada, como xa o ven manifestando denunciará calquera tipo de desleixe da Xunta de Galicia no referente ao Pazo de Meirás e aos asuntos da Familia Franco, e non permitirá que se  privilexie aos propietarios detentadores da propiedade, en detrimento da defensa dun ben declarado de interese cultural e das obrigas que á familia Franco lle corresponde, tal e como acontece na actualidade co réxime de visitas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Comienzan las Clases!!!